Páxinas

sábado, 24 de maio de 2014

Cambio de Quenda en Vigo


Cambio de Quenda from A Claque CC on Vimeo.

FICHA DA ACCIÓN >>>

Cambio de Quenda (2014)



CAMBIO DE QUENDA
(Pequeno drama carcerario)

Un espazo en penumbra. Nas paredes debúxanse luces e sombras, enreixados, pechaduras. Hai de fondo un son incómodo e intermitente, coma un zunido. De cando en vez, escóitase tusir a alguén, sempre o mesmo tusido, enfermo. Pode escoitarse tamén alguén que canta entre dentes, ou uns pasos que se achegan, ou marchan, ou desaparecen; ata que, de súpeto, sen previo aviso, se instala o silencio. Un silencio que pesa enriba das costas, que infunde respecto. Unha gaiola pendura do teito. Dentro da gaiola hai unha persoa. A gaiola está aberta por abaixo, de tal xeito que á persoa prisioneira se lle vén as pernas e os pés, espidos. Esa persoa canta, coma unha ladaíña que non lle deixa escoitar o silencio do arredor. Abaixo hai dous gardas, iguais no xeito de vestir, en complexión. Poderían ser o mesmo en apariencia, aínda que hai algo que os distingue: teñen voces distintas, velocidades diferentes.


GARDA 1.- Sae.
PRISION..- Non!
GARDA 2.- Tes que saír.
PRISION. .- Non!
GARDA 1.- Es libre.
PRISION..- Non!
GARDA 2.- Si.
PRISION..- Quero quedar aquí.
GARDA 1.- Es libre.
PRISION..- Se fose libre podería quedar.
GARDA 2.- É xusto o contrario.
GARDA 1.- Non podes quedar aquí se es libre.
PRISION..- Que liberdade é esta? Seguides dándome ordes.
GARDA 2.- Porque non fas o que tes que facer.
PRISION..- Esa é a vosa opinión.
GARDA 1.- Marcha dunha vez.
PRISION..- Por que?
GARDA 2.- Precisamos o teu sitio para outra persoa.
PRISION..- Que máis ten!
GARDA 1.- O espazo é un problema.
GARDA 2.- Non hai moito espazo.
PRISION..- Eu non ocupo moito espazo.
GARDA 1.- Ti ocupas un espazo que xa non mereces.
GARDA 2.- Fóra!
PRISION..- Nin sabedes como me chamo.
GARDA 1.- Sabemos como te chamas.
PRISION..- Esquecedes rápido.
GARDA 2.- Non temos todo o día.
PRISION..- Eu si que teño todo o día.
GARDA 1.- Problema teu.
PRISION..- Ninguén vai vir buscarme.
GARDA 2.- Colle o bus.
PRISION..- Non vos parece triste?
GARDA 1.- Desesperante.
PRISION..- Seguro que vós tedes quen vos veña buscar ao acabar a xornada.
GARDA 2.- Nós imos no bus.
PRISION..- Seguro que tedes familia.
GARDA 1.- Temos présa.
GARDA 2.- Marcha!.
PRISION..- Só sabedes dar ordes.
GARDA 1.- Ti só sabes desobedecer.
PRISION..- Por iso. Este é o meu sitio. Non quero saír daquí. Para que?
GARDA 2.- Busca un traballo.
PRISION..- Onde?
GARDA 1.- Busca alguén que te manteña.
PRISION..- A xente tenme medo.
GARDA 2.- Non me estraña.
PRISION..- Por que?
GARDA 1.- Dás moitos problemas.
PRISION..- É un delito dar problemas?
GARDA 2.- Depende dos problemas.
PRISION..- Non lembro por que estou aquí.
GARDA 1.- Nós si.
GARDA 2.- Mataches a alguén.
PRISION..- Ah, si!. Dábame moito que pensar.
GARDA 1.- Non é excusa.
PRISION..- Gústame estar aquí, sen pensar. Gústame que me organicedes a vida... Agora espertas, agora vas almorzar, agora lle dás unha volta ao patio, agora fas exercicio... para que?, para o corpo... agora vas xantar, agora vas para a túa cela descansar... descansar de que?, de todo... agora vas aprender fontanería, ou carpintería, ou electrónica, así podes volverte autosuficiente... para que?, para non molestar... agora vas ler o capítulo dun libro, que é moi bo para o cerebro... para que?, para o cerebro, para pensar, pero se non quero
pensar... agora horario de visitas... para que?, para o cariño, pero se non vén ninguén. Pórtate ben... para que?
GARDA 2.- Para saír de aquí.
PRISION..- Non quero. Non se pode ser boa persoa.
GARDA 1.- Ti non es unha boa persoa.
GARDA 2.- Mataches a alguén.

O ou a PRISION. cala. Silencio.

GARDA 1.- Calaches...
GARDA 2.- Por fin...
GARDA 1.- Agora só tes que marchar...
GARDA 2.- Xa dixeches o que tiñas que dicir ...
GARDA 1.- Unha perda de tempo...
GARDA 2.- Por iso aprendimos a non escoitar...
GARDA 1.- Despois de ti virá outra persoa...
GARDA 2.- E tamén quererá falar...
GARDA 1.- Seguro...
GARDA 2.- Quererá chamar a atención...
GARDA 1.- Seguro...
GARDA 2.- Que lle fagamos caso...
GARDA 1.- Diso se trata...
GARDA 2.- De non facervos caso...
GARDA 1.- Quen pensades que sodes?
GARDA 2.- Ninguén...
GARDA 1.- Sodes ninguén...
GARDA 2.- Sodes ninguén para nós...
GARDA 1.- Sodes ninguén para o resto...
GARDA 2.- Unha perda de tempo...
GARDA 1.- Iso é o que fas aquí...
GARDA 2.- Non te equivoques...
GARDA 1.- Estás aquí para perder o tempo...
GARDA 2.- Para gastar minutos...
GARDA 1.- ...horas...
GARDA 2.- ...días...
GARDA 1.- ...anos...
GARDA 2.- Estás aquí para gastar o tempo que che queda...
GARDA 1.- ...en falar..
GARDA 2.- ...en estar aquí...
GARDA 1.- Onde ninguén te escoita...
GARDA 2.- Diso se trata...
GARDA 1.- De que aprendas a calar...
GARDA 2.- Para que non se lembren de ti...
GARDA 1.- Daquela poderás saír...
GARDA 2.- Cando soes coma os demais...
GARDA 1.- Cando a túa voz sexa coma as outras voces...
GARDA 2.- Ata que fagas algo que chame a atención...
GARDA 1.- Porque te creas diferente...
GARDA 2.- Daquela volverás...
GARDA 1.- Porque pensas que a túa voz é importante...
GARDA 2.- E teremos que aturarte outra vez...
GARDA 1.- Facer o noso traballo...
GARDA 2.- Finxir que escoitamos...
GARDA 1.- Finxir que estamos xordos...
GARDA 2.- Ata que cales...
GARDA 1.- Por fin...
GARDA 2.- Pero xa está...
GARDA 1.- Acabouse...
GARDA 2.- Cambio de quenda...
GARDA 1.- Marchamos..
GARDA 2.- Aí quedas...
GARDA 1.- Chamando a atención...
GARDA 2.- Para que alguén che diga algo...
GARDA 1.- O que tes que facer...
GARDA 2.- Unha orde...
GARDA 1.- Covarde...
GARDA 2.- Aquí obedeces...
GARDA 1.- Fóra non...
GARDA 2.- Fóra é todo máis difícil...
GARDA 1.- Cambio de quenda...
GARDA 2.- Volverás...
GARDA 1.- Non aprendes...
GARDA 2.- Cambio de quenda...
PRISION..- É unha orde?

Silencio.

GARDA 1.- Sae.
PRISION..- Non!
GARDA 2.- Tes que saír.
PRISION. .- Non!
GARDA 1.- Es libre.
PRISION..- Non!
GARDA 2.- Si.
PRISION..- Quero quedar aquí.
GARDA 1.- Es libre.
PRISION..- Se fose libre podería quedar.
GARDA 2.- É xusto o contrario.
GARDA 1.- Non podes quedar aquí se es libre.



domingo, 11 de maio de 2014

A Fronteira (2013)




A FRONTEIRA

O espazo escénico simula un deserto. Zoa o vento. Aparece, á esquerda do escenario, baixo un foco, un home cun sombreiro de ala ancha, cun poncho e cunha guitarra. Polo seu aspecto dá a impresión de que fixo unha longa viaxe. Comeza a tocar, con slide, un blues. O home fala: Esta é a historia dunha viaxe. A viaxe real... ou non... dun home atrapado no deserto, baixo a calor delirante do deserto. Dun home que decidiu abandona-lo país no que vivía… para poder seguir vivindo. Dun home na procura do seu destino.
Esta é a historia do que sucedeu ó longo daquela accidentada viaxe. A historia dun pesadelo. Dun soño? Só o home que a sufriu ten a resposta. Eu son ese home, e esta é a miña historia.
O home canta.

El só contaba neste mundo co seu coche e a moza.
Cando ela lle falou do embarazo, el case chora.
Nena, nós non temos nada,
Díxolle, non temos nada.

Colleu as últimas moedas e encheu o depósito.
Quedar tirado no deserto é moi perigoso.
Nena, teño que marchar,
Díxolle, teño que cruzar…
A fronteira.

A guitarra soa agora distorsionada e o blues deriva nun rock&roll. A luz do deserto amortece: vaise facendo de noite.

Prendeu o motor e abalouse a virxe colgada do espello.
Conduciría all night long pola estrada  do deserto.
Virgencita que non me falte,
Virgencita que non me falte...
A gasolina.

Á dereita do escenario, e  por detrás do home, aparece, baixo un foco, unha moza.  Iluminada de cintura para arriba, leva un vestido de campesiña.

Amarrado ao volante lembrou as bágoas da súa nena.
Tes que ser valente, díxolle co peito cheo de pena.
Virxe María que non me falte,
Virxe María que non me falte…
A gasolina.

A escuridade aumenta. Ela canta dirixíndose ó home, e el escóitaa mentres a mira.

MOZA

Cando crúce-la fronteira
Non deixes de pensar en min
Buscarémo-la maneira
De que vaia xunta ti.

A moza únese á canción, despois de cantar, tocando un bombo e unha caixa. Tamén fai coros.

Cando chegue alén, pensou, vou traballar coma un animaliño,
Para leva-la miña moza e que alí naza o noso filliño.
Virgencita dame forzas,
Virxe María dame forzas
Para traballar...
E gasolina.

Agora aparece á esquerda da moza un home, tamén baixo un foco, con aspecto de narcotraficante.

Saiu do seu soño cando viu un home no medio da estrada,
Que lle pediu que o levase, please, que o seu coche non arrancaba.
Virxe María que non me falte,
Virxe María que non me falte.
Xenerosidade…
E gasolina.

Subiu ao auto aquel home que ía tan ben vestido.
A súa casa estaba alén, díxolle ao noso amigo.
Virgencita que non nos falte,
Virxe María que non nos falte
Gasolina…
Gasolina.

Aínda máis escuro. O autostopista canta.

AUTOSTOPISTA

Cando crúce-la fronteira
Poderás ser tan rico coma min
Alí terás canto queiras
Se escolles ben como vivir

O home con aspecto de narco comeza a toca-lo o baixo. Súmase aos coros.

Durante millas aquel home falou da súa boa posición.
Ata que viron ao lonxe unhas luces azuis, e pensaron no peor.
Virgencita que non me paren,
Virxe María que non nos paren.
E levantaron a man,
E mandaron parar.

Acéndese un foco sobre un policía con casco de motorista e lentes de sol.

Achegouse un policía e apoiouse na xanela.
Mirou moi fusco ao noso amigo coa man na cartucheira.
Pedíulle os papeis
Do coche e o seu carné,
Moi iracundo.

O pasaxeiro ben vestido, durante o boureo,
Tirou ao asento de atrás a súa bolsa, con moito medo.
Virxe María que non a atope.
E o garda dixo: baixen do coche,
Moi despaciño,
Con  sentidiño.

Case no luscofusco. O policía canta dirixíndose ao home da guitarra; este, escoita amedrentado.

POLICÍA

Se queredes cruza-la fronteira
Tedes que acata- la lei
Non hai outra maneira
De pasar e chegar alén.

O policía toca unha media lúa.

O noso amigo pregou: eu só quero traballar.
E o pasaxeiro dixo: eu son coma ti, tamén son un cidadán.
My friend, non me compares,
Eu son honesto, ti ben o sabes.
Son do outro lado,
Son do outro lado.
.
Coas mans enriba do capó cacheou o rapaz
Mentres o viaxeiro falaba co garda de forma locuaz.
Despois mandoulle abri-las portas,
E o patrulleiro atopou a bolsa
Chea de drogha,
De cocaína.

Desenfundou e apuntou ao mozo, aquel axente.
E o tipo ben vestido dicía: iso non é meu, eu son boa xente.
Virgencita axúdame,
Virxe María axúdame.
E saltou ás présas,
Saltou ás présas.

O policía desenfunda unha pistola e apunta o home - que o mira arrepiado-  mentres canta. Noite pecha.

POLICÍA

Non vas cruza-la fronteira
Se non paras voute derribar
Acabáronse as boas maneiras
Se non volves vou disparar.

Soan tres disparos atronadores cortando a música. O catro focos apáganse; só resta a escuridade da noite no deserto. Zoa  o vento, e a el súmase o blues con slide do inicio. O home canta. Non se lle ve.

Morreu no chan con tres buracos, un na caluga.
E a Virxe non lle deu ningunha axuda.

Coma un ente celestial baixa do ceo a Virxe María, radiante e divina. Queda flotando. Cando comeza a cantar volve aparece-lo home baixo o seu foco, pero esta vez sen sombreiro e co rostro” iluminado”. Mira para a Virxe case en éxtase mentres ela canta.

VIRXE MARÍA

Xa cruzáche-la fronteira
Xa podes vir xunta min
Non tiñas outra maneira
E xa está ben de pedir

Soan outra vez o bombo e a caixa, o baixo e a media lúa. Aparecen baixo os seus focos, a moza, o autostopista e o policía facendo coros.

Deixaches atrás a fronteira
Aquí podes ser rico e feliz
Esta é a única maneira
De deixar de ser un infeliz
De deixar de ser un infeliz
De deixar de ser un infeliz
De deixar de ser un infeliz
De deixar de ser un infeliz
De deixar de ser un infeliz

Tocan todos. Mentres, a Virxe sobe ao ceo e amence.

FIN