Páxinas

domingo, 11 de maio de 2014

A Fronteira (2013)




A FRONTEIRA

O espazo escénico simula un deserto. Zoa o vento. Aparece, á esquerda do escenario, baixo un foco, un home cun sombreiro de ala ancha, cun poncho e cunha guitarra. Polo seu aspecto dá a impresión de que fixo unha longa viaxe. Comeza a tocar, con slide, un blues. O home fala: Esta é a historia dunha viaxe. A viaxe real... ou non... dun home atrapado no deserto, baixo a calor delirante do deserto. Dun home que decidiu abandona-lo país no que vivía… para poder seguir vivindo. Dun home na procura do seu destino.
Esta é a historia do que sucedeu ó longo daquela accidentada viaxe. A historia dun pesadelo. Dun soño? Só o home que a sufriu ten a resposta. Eu son ese home, e esta é a miña historia.
O home canta.

El só contaba neste mundo co seu coche e a moza.
Cando ela lle falou do embarazo, el case chora.
Nena, nós non temos nada,
Díxolle, non temos nada.

Colleu as últimas moedas e encheu o depósito.
Quedar tirado no deserto é moi perigoso.
Nena, teño que marchar,
Díxolle, teño que cruzar…
A fronteira.

A guitarra soa agora distorsionada e o blues deriva nun rock&roll. A luz do deserto amortece: vaise facendo de noite.

Prendeu o motor e abalouse a virxe colgada do espello.
Conduciría all night long pola estrada  do deserto.
Virgencita que non me falte,
Virgencita que non me falte...
A gasolina.

Á dereita do escenario, e  por detrás do home, aparece, baixo un foco, unha moza.  Iluminada de cintura para arriba, leva un vestido de campesiña.

Amarrado ao volante lembrou as bágoas da súa nena.
Tes que ser valente, díxolle co peito cheo de pena.
Virxe María que non me falte,
Virxe María que non me falte…
A gasolina.

A escuridade aumenta. Ela canta dirixíndose ó home, e el escóitaa mentres a mira.

MOZA

Cando crúce-la fronteira
Non deixes de pensar en min
Buscarémo-la maneira
De que vaia xunta ti.

A moza únese á canción, despois de cantar, tocando un bombo e unha caixa. Tamén fai coros.

Cando chegue alén, pensou, vou traballar coma un animaliño,
Para leva-la miña moza e que alí naza o noso filliño.
Virgencita dame forzas,
Virxe María dame forzas
Para traballar...
E gasolina.

Agora aparece á esquerda da moza un home, tamén baixo un foco, con aspecto de narcotraficante.

Saiu do seu soño cando viu un home no medio da estrada,
Que lle pediu que o levase, please, que o seu coche non arrancaba.
Virxe María que non me falte,
Virxe María que non me falte.
Xenerosidade…
E gasolina.

Subiu ao auto aquel home que ía tan ben vestido.
A súa casa estaba alén, díxolle ao noso amigo.
Virgencita que non nos falte,
Virxe María que non nos falte
Gasolina…
Gasolina.

Aínda máis escuro. O autostopista canta.

AUTOSTOPISTA

Cando crúce-la fronteira
Poderás ser tan rico coma min
Alí terás canto queiras
Se escolles ben como vivir

O home con aspecto de narco comeza a toca-lo o baixo. Súmase aos coros.

Durante millas aquel home falou da súa boa posición.
Ata que viron ao lonxe unhas luces azuis, e pensaron no peor.
Virgencita que non me paren,
Virxe María que non nos paren.
E levantaron a man,
E mandaron parar.

Acéndese un foco sobre un policía con casco de motorista e lentes de sol.

Achegouse un policía e apoiouse na xanela.
Mirou moi fusco ao noso amigo coa man na cartucheira.
Pedíulle os papeis
Do coche e o seu carné,
Moi iracundo.

O pasaxeiro ben vestido, durante o boureo,
Tirou ao asento de atrás a súa bolsa, con moito medo.
Virxe María que non a atope.
E o garda dixo: baixen do coche,
Moi despaciño,
Con  sentidiño.

Case no luscofusco. O policía canta dirixíndose ao home da guitarra; este, escoita amedrentado.

POLICÍA

Se queredes cruza-la fronteira
Tedes que acata- la lei
Non hai outra maneira
De pasar e chegar alén.

O policía toca unha media lúa.

O noso amigo pregou: eu só quero traballar.
E o pasaxeiro dixo: eu son coma ti, tamén son un cidadán.
My friend, non me compares,
Eu son honesto, ti ben o sabes.
Son do outro lado,
Son do outro lado.
.
Coas mans enriba do capó cacheou o rapaz
Mentres o viaxeiro falaba co garda de forma locuaz.
Despois mandoulle abri-las portas,
E o patrulleiro atopou a bolsa
Chea de drogha,
De cocaína.

Desenfundou e apuntou ao mozo, aquel axente.
E o tipo ben vestido dicía: iso non é meu, eu son boa xente.
Virgencita axúdame,
Virxe María axúdame.
E saltou ás présas,
Saltou ás présas.

O policía desenfunda unha pistola e apunta o home - que o mira arrepiado-  mentres canta. Noite pecha.

POLICÍA

Non vas cruza-la fronteira
Se non paras voute derribar
Acabáronse as boas maneiras
Se non volves vou disparar.

Soan tres disparos atronadores cortando a música. O catro focos apáganse; só resta a escuridade da noite no deserto. Zoa  o vento, e a el súmase o blues con slide do inicio. O home canta. Non se lle ve.

Morreu no chan con tres buracos, un na caluga.
E a Virxe non lle deu ningunha axuda.

Coma un ente celestial baixa do ceo a Virxe María, radiante e divina. Queda flotando. Cando comeza a cantar volve aparece-lo home baixo o seu foco, pero esta vez sen sombreiro e co rostro” iluminado”. Mira para a Virxe case en éxtase mentres ela canta.

VIRXE MARÍA

Xa cruzáche-la fronteira
Xa podes vir xunta min
Non tiñas outra maneira
E xa está ben de pedir

Soan outra vez o bombo e a caixa, o baixo e a media lúa. Aparecen baixo os seus focos, a moza, o autostopista e o policía facendo coros.

Deixaches atrás a fronteira
Aquí podes ser rico e feliz
Esta é a única maneira
De deixar de ser un infeliz
De deixar de ser un infeliz
De deixar de ser un infeliz
De deixar de ser un infeliz
De deixar de ser un infeliz
De deixar de ser un infeliz

Tocan todos. Mentres, a Virxe sobe ao ceo e amence.

FIN

1 comentario:

  1. Hai que matar ó da antepenúltima foto... é ou non é?

    ResponderEliminar