Páxinas

mércores, 11 de xuño de 2014

A Claque: o nacemento dunha ovación



Do I contradict myself?
Very well, then, I contradict myself;
(I am large – I contain multitudes.)
                                                                                                                      Walt Whitman

A Claque naceu da nada –unha creación coma Deus manda, vaia!- a principios do 2012, despois dunha xestación de libro: os nove meses de rigor, máis varias resolucións en falso, que deron lugar ó “continuará…” no que agora andamos embarcados.

Pero remontémonos ás orixes. A ver, en novembro do 2010, en Vigo, baixo a ameaza dun ballón bíblico, seis individuos con certas ínfulas literarias decidiron poñer en marcha un proxecto creativo, daquela aínda innominado, ó redor de seis pequenas accións teatrais, e baixo unha premisa común: a incomunicación. A premisa en cuestión, coma se dun presaxio se tratase, animou a varios dos individuos involucrados a abandona-lo proxecto en marcha, de tal xeito que aquela masa informe e un tanto heteróclita que era a Pre-Claque, acabou por devir nunha tríade –non exactamente homoxénea, pero si operativa-, ocupada en perseverar na lideira da creación en común.

O primeiro que fixo o trío foi bautiza-la criatura e, xusto despois, nun arrebato de autoestima, aplaudir sen vir a conto. É certo, haberá que recoñecelo, que unha cousa ben podía levar á outra, como de feito fixo; pero, que o eco daquelas palmas descompasadas, daquel acto gratuíto, propiciase que un fato de creadores non vinculados –en principio- á literatura se sumasen desinteresadamente ó proxecto, converténdoo nunha especie de amálgama interdisciplinaria, non era tan fácil de adiviñar, e, non obstante, foi o colofón, imprevisible, que definiu, sen volta atrás posible, o propio sentido do colectivo.

Porque A Claque, insistamos nisto á falta dun improbable manifesto, é un laboratorio para o traballo creativo en común, non un lugar onde experimentar colaboracións esporádicas; ou, para dicilo doutra maneira: os resultados das propostas que presenta A Claque non son froito da mera adición senón dunha conxunción premeditada. E todo... por amor á arte.

Así, a modo de arranque agradecido, a execución das nosas tres primeiras accións teatrais e a do subseguinte recital performativo.

1 comentario: