Páxinas

xoves, 10 de xullo de 2014

Cancións Faladas: notas e contrapuntos



O 4 de xullo A CLAQUE executou por terceira vez CANCIÓNS FALADAS, unha acción poética da que nós dixemos:

1. CANCIÓNS FALADAS é un recital performativo, un diálogo pautado entre os membros do Colectivo de Creación A CLAQUE Paula Carballeira (escritora), Suso Cortegoso (músico) e Manuel M. Romón (escritor) a través da música e da palabra.

2. CANCIÓNS FALADAS é, tamén, unha confrontación a par entre os sons e os textos recitados (algúns inéditos e outros publicados en “Alicia & Alicia” e en “Et finira le jour de son commencement”).

3. CANCIÓNS FALADAS é, dalgunha maneira, un conxunto instrumental –no que as voces son unha ferramenta máis- á procura dun ritmo, dunha respiración común, onde os solos serven para salienta-las cadencias de cada quen.

4. En resumo, un “concerto”, unha “ofrenda musical”, unha “conversa”, todo iso, entre outras lecturas posibles, é para nós CANCIÓNS FALADAS.

E da que non dixemos:

1. Obviamente CANCIÓNS FALADAS quere ser unha “tradución” –se acaso perversa- da palabra alemá Sprechgesang.

2. O expresionismo en abstracto, a literatura de tradición oral, a arte povera, o minimalismo e Leonard Cohen son algunhas das referencias que barallamos á hora de poñer en marcha CANCIÓNS FALADAS.

3. En relación co título do recital, Suso Cortegoso suxeriu, mentres desenvolviámo-lo proxecto, CANTARES GALLEGOS no canto de CANCIÓNS FALADAS. A súa proposta nunca se chegou a votar.

4. Na súa versión actual CANCIÓNS FALADAS lévanos 45 minutos ben a gusto.

Desta vez foi en Vigo, no Café Uf, e as fotos son de Rafael Ojea.